O galego Gonzalo de Vigo, o primeiro ‘Robinsón’ do Pacífico

…hallamos un gallego que se llama Gonzalo de Vigo, que quedó en estas islas con otros dos compañeros de la nao de Espinosa, e los otros dos muriendo, quedó él vivo, el cual vino luego a la nao e nos aprovechó mucho porque sabía la lengua de las islas… (Texto extraido da “Relación escrita y presentada al Emperador por Andrés de Urdaneta de los sucesos de la armada del comendador Loaisa, desde 24 de julio de 1525 hasta el año de 1535, entregada el 26 de febrero de 1537” Obra de Andrés De Urdaneta)

Recolho do Portal da Ciencia Galega (GCiencia) este artigo publicado ontem e assinado polo meu tocaio Eduardo Rolland (do que conservo a sua grafia):

Aborigens de Guam representados num antigo gravado.

Aborigens de Guam representados num antigo gravado.

5 de setembro de 1526: As velas dun barco recórtanse no horizonte, fronte a unha illa solitaria do Pacífico occidental. Os nativos saen do palmeiral cara á praia, con curiosidade. O lugar é Guam, hoxe no arquipélago das Marianas, no corazón da Micronesia. E o buque é a nao Santa María de la Victoria.

Mentres os indíxenas se preparan para recibir á nave, a situación a bordo do barco é dramática. A tripulación está esnaquizada pola sede e polo escorbuto. Entre as numerosas baixas, destaca a dun dos seus capitáns, Juan Sebastián Elcano, quen só tres anos atrás tiña circunnavegado a Terra na famosa expedición de Magallanes.

A nave aproxímase á costa e, dunhas augas de cor esmeralda, xorde un mar de canoas, unha turba de aborixes dispostos á abordaxe. O escribán do buque, Andrés de Urdaneta, narra no seu diario a tensión do momento, malia que os mariñeiros “prefiren morrer a mans dos salvaxes que prolongar a súa agonía na nave Vitoria”.

De súpeto, nunha das canoas, érguese un home de longas melenas e aspecto terrible. E fala: “Bos días, señores; véxovos en boa hora”. E continúa o seu saúdo: “Bos días, capitán, mestre e toda a súa boa compaña”. Os exploradores españois quedan abraiados ao escoitar a un nativo falando en cristián: “Eu son galego, vigués máis concretamente, e o meu nome é Gonzalo de Vigo“. Atónita, a tripulación observa ao home. Estamos en 1526. Como é posible que haxa un indíxena que di ser de Vigo, nunha illa perdida do Océano Pacífico? Moitos cren vivir unha alucinación, produto da febre.

Andrés de Urdaneta

Andrés de Urdaneta

Así o narra Urdaneta: “De entre aqueles indios, ergueuse un que comezou a saudar á moda de España; viña case espido, co cabelo chegándolle ás nádegas. Todos se marabillaron e dicíndolle que subise a bordo, non se atrevía el, se non lle daban antes Seguro Real”. A fórmula de ‘Seguro Real‘ supoñía o perdón automático para todo crime, en caso de subir a un buque militar. Como necesitaban auga e comida, a graza foille concedida.

“En boa hora chegades, señor capitán, mestre e a compaña”, dixo o falso aborixe ao chegar: “Señores: Eu son un dos da Armada do capitán Magallanes; son galego, chámome Gonzalo de Vigo e coñezo moi ben a lingua destas illas”. Con estas exactas palabras, igual que os primeiros saúdos, recolle Urdaneta o encontro.

O inesperado robinsón decidiu entón contar a súa asombrosa peripecia. Tratábase dun fuxitivo da expedición anterior, a que comezou Magallanes e rematou El Cano. Desertara en 1521, cinco anos antes deste reencontro, xunto a dous portugueses, fartos da sede e do escorbuto na súa nave, a ‘Trinidad’. Así que escaparon en Guam. “Estando naquela illa -prosegue o escribán- mataron os indios aos seus dous compañeiros, por certas tolemias que cometeron”.

Gonzalo de Vigo, pola contra, quedou a vivir cos nativos e aprendeu a súa lingua e costumes. Anos despois, viña de darse unha casualidade incrible. No medio dun mar case infinito de illas, unha nova nave europea visiba a mesma praia. E así un galego se converteu no primeiro ‘robinson‘ do Pacífico.

En Inglaterra e Estados Unidos, onde as historias de náufragos sempre tiveron gran éxito, Gonzalo de Vigo ten unha alta consideración. Foi o primeiro ‘castaway‘ do océano Pacífico, dous séculos antes de que Daniel Defoe situase a súa novela ‘Robinson Crusoe’ nunha illa fronte a Chile.

Grazas ao escribán Urdaneta temos algúns datos sobre o noso personaxe. “Gonzalo de Vigo é natural de Vigo, que é en Galicia, foi de cho con Magallanes, e é fillo de Rodrigo Álvarez e de Isabel Martínez“, apunta no seu diario o cronista. O nome completo, Gonzalo Álvarez Martínez, polo común dos seus apelidos, fai difícil atopar o seu rastro. E tampouco sabemos se sobreviviu e regresou a Sanlúcar de Barrameda coa nao ‘Victoria’.

Diário de Andrés de Urdaneta, onde conta as aventuras do galego Gonzalo De Vigo.

Diário de Andrés de Urdaneta, onde conta as aventuras do galego Gonzalo De Vigo.

Pero Urdaneta anota as historias que vai contando Gonzalo de Vigo, para publicalas logo, ao seu regreso a España, na obra na que narra a formidable aventura da segunda circunnavegación da Terra: “Relación escrita e presentada ao Emperador por Andrés de Urdaneta dos sucesos da armada do comendador Loaísa, dende o 24 de xullo de 1525 ata o ano de 1535, entregada o 26 de febreiro de 1537“.

Así sabemos que o propio Gonzalo de Vigo narrou aos expedicionarios a súa vida en Guam, onde rematou por afacerse a aquela vida como un indíxena máis: “A illa é de regular altura, cume raso e despoada, porque os naturais viven xunto ao mar. Os indios son malos, e andan todos espidos, sen ter cousa algunha sobre si. Son ben dispostos, de cabelos longos e barba cumprida. Veneran aos seus mortos, de xeito que cando enterran a un home principal e ven que xa se consumiu, sacan os ósos e adóranos. En cada aldea hai un rei, e fan a guerra os uns aos outros. Non teñen instrumentos de ferro. As súas armas son tirapedras e paus. Comen froita, arroz, os moitos peixes que pescan e aceite de coco”.

As historias de Gonzalo de Vigo son de gran utilidade aos expedicionarios. O náufrago convértese de inmediato no intérprete cos indíxenas para que intercambien froita e auga cos españois. Como compensación, reciben abelorios de cristal, que tamén cambian por algunhas pezas de ouro. A partir de aquí, o galego continuaría unido á expedición.

Os españois foron pouco agradecidos coa hospitalidade de Guam, a pesares da actitude pacífica dos seus habitantes, grazas á mediación de Gonzalo de Vigo. Unha vez repostos os enfermos, deciden continuar viaxe. Antes, rouban os paxaros que os nativos tiñan en gaiolas e aproveitan a oportunidade de consumir carne: Ásanos para papalos. “Os da nave -di Urdaneta– tomaron moitos palomos, que os tiñan os indios en gaiolas, e eles non os comían”. E tanto que non os comían: en realidade, eran as súas mascotas.

Para finalizar a faena, secuestran aos últimos doce aborixes que comerciaban a bordo no momento de levar ancoras. Lévanos de escravos “para que lle desen á bomba [de achicar], que no barco estaba a entrar moita auga”. Urdaneta aclara, afortunadamente, que “o galego veu connosco, pola súa propia vontade”.

Máis tarde, Gonzalo de Vigo converteríase nun heroe ao alcanzar as Molucas. Alí comezou unha guerra cun pequeno destacamento portugués que defendía as illas. Cada bando aliouse con diferentes poboados e reis locais. Urdaneta narra como o galego exerceu sempre como intérprete, e mesmo nunha ocasión chegou a ser tomado como refén por unha tribo. “Cando estaban a piques de matalo coas súas machadas, Gonzalo pegoulles dous empurróns e saíu correndo, conseguindo chegar ao bote, onde os seus compañeiros esperábano. Os indios, temendo as nosas armas, deixaron a persecución”.

As illas Molucas eran, precisamente, o obxectivo da expedición que partira desde España un ano antes. Todo comezara o 24 de xullo de 1525, no porto da Coruña. No medio dun balbordo formidable, sete naves, cunha tripulación de 450 homes, fixéronse á mar co obxectivo de alcanzar este arquipélago, rico en especias, e que tamén se disputaba Portugal. A ruta faríase polo recentemente descuberto Estreito de Magallanes, do que se tiñan noticias desde 1521. Para garantir o éxito da aventura, viaxou Juan Sebastián Elcano como un dos comandantes da expedición, dirixida por García Jofre de Loaísa.

Pero a ledicia da despedida coruñesa será a última boa noticia da viaxe. Todo remata nun desastre, a pesar de que durante a travesía se fixeron importantes descubrimentos xeográficos. A metade das embarcacións non chegaron nin ao Pacífico, e só a nave ‘Victoria’ alcanzaría as Molucas, despois da morte de Elcano e, tamén, do almirante Loaísa. Por esta razón, foi este buque o que recolleu a Gonzalo  de Vigo.

O escribán Urdaneta narra as penalidades que padeceron durante a travesía do Pacífico: “Era tanta a sede que tiñamos, que os máis de nós non podiamos comer, porque nos afogabamos; e nisto lembrei eu que quizais me remediaría cos meus propios ouriños e así o fixen; logo que bebín sete ou oito grolos deles, sentín como se tivese comido e bebido”.

A morte viaxaba na nao ‘Victoria’, cobrándose vidas un día tras doutro. O 6 de agosto falecería Juan Sebastián Elcano. E a estampa que retrata Urdaneta é dramática: “Toda a xente morreu de medrarlle as enxivas de tal xeito que non podían comer nada e tiñan unhas dores terribles; eu vinlle sacar a un home un dedo de carne das enxivas e, ao día seguinte, telas tan crecidas coma se non lle sacase nada”. O escorbuto facía estragos e aínda se descoñecía a necesidade de consumir vitamina C para evitalo.

Repostos en Guam, a guerra contra os portugueses nas Molucas rematou por esnaquizar á tripulación. Tras o longo conflito, que durou un ano, os portugueses rendéronse e as Molucas quedaron baixo dominio español, cunha pequena dotación. Non sabemos se Gonzalo de Vigo quedou alí ou se volveu a España coa nave Vitoria. Urdaneta non o volve a nomear e a súa vida non deixou máis pegadas.

Pero, se fixo a viaxe de volta, tivo poucas oportunidades de sobrevivir. Só 24 homes chegaron vivos á metropoli. Ao desembarcar, o rei Carlos V agradeceulles o esforzo. Pero lles comunicou que as Molucas foran cedidas a Portugal, tras un arranxo económico. A guerra fora para nada.

Desta formidable epopea, queda a historia de Gonzalo de Vigo, o primeiro robinson do Pacífico. Un galego que viviu unha das aventuras máis grandes, e máis abraiantes, que xamais coñeceu un ser humano.

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s