Recolho do Sermos este artigo autoria de Xesús Manuel Piñeiro e que deito tal qual foi escrito:
Vilaxoán de Arousa, a principios do século XX. Imaxe: Touporroutou
Era carpinteiro de ribeira arousán e García Durán, como era coñecido, non era o seu verdadeiro nome. Cúmprense neste 2016 os 30 anos do seu pasamento en Alicante. Afiliado á CNT desde ben novo, foi condenado a morte 2 veces. Logrou fugarse das prisións franquistas e fuxir ao estranxeiro grazas aos seus amigos abertzales, portando o seu exilio por varios países.
“Tres cousas ten Vilaxoán que non as ten calquera: a Coral, o San Martín e o campión Pantera”. Orgullosa de si propia como só saben estalo as vilas de tradición mariñeira, Vilaxoán ten ben claras as súas bandeiras: o bo cantar, o seu equipo de fútbol e Pantera Rodríguez, o boxeador local que entre outras fazañas, non sempre no ring, proclamouse en 1978 campión europeo dos pesos pesados. Podería ondear Vilaxoán máis bandeiras, como a de ser a vila onde tivo lugar a primeira reunión de dirixentes da guerrilla galega. Foi en 1942, na casa de Armando Cotarelo Valledor e 11 mandos acudiron á cita desde diferentes partes de Galiza, segundo deixou escrito Gonzalo Bouza Brey.
Entre esas bandeiras que agardan ser izadas en Vilaxoán está a de Juan García Durán. En realidade, nen sequer se chamaba así senón Luis Costa García. Cambiou de nome a raíz dun enfrontamento con esquirois no porto de Vilagarcía. Carpinteiro de ribeira, anarquista, mestre en fugas, exiliado, historiador e bibliotecario. Non hai moitos no Estado español que poidan presumir de ser nomeados asesor histórico da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América. El si.
Este ano cúmprese o 30 aniversario do seu falecemento, en Alicante, onde foi dar após décadas dun exilio que lle obrigou a percorrer diferentes países. Mais, como descobreu o propio Castelao o día que fixo chorar en West Virginia (EUA) a un mineiro libertario de Celanova , os anarquistas tamén teñen unha Terra. As cinzas de García Durán foron aventadas no mar de Arousa.
Con apenas 15 anos afiliouse ás Xuventudes Libertarias e á CNT de Vilagarcía. Palabras maiores. O sindicato anarquista tiña neste concello arousán 3.500 militantes, sendo este municipio o principal bastión libertario de Galiza en militancia tras os da Coruña e Vigo. Xa en 1890 hai constancia de presenza anarquista nesta vila arousán. O anarcosindicalismo foi en aumento desde comezos do XX e consolidándose a medida que a combatitividade do sector do mar ía a máis e se estendía polas rías do país a federación da industria pesqueira. A CNT era un músculo sen parangón no país: máis de 40.000 afiliados en 1936, boa parte deles nos portos mariñeiros.
É nese “tempo de entusiasmo”, como o cualificou o rianxeiro Rafael Dieste, no que actúa García Durán. En 1935 ten que marchar da Ría de Arousa destino A Coruña. Historiadores como Jesús García apontan que a mudanza veu motivada por un tiroteo cun esquirol durante unha greve. A distancia non afasta o vilaxoanés da comarca arousá, á que sigue ligado estreitamente: en 1936 estivo no histórico Congreso da CNT de Zaragoza representando os sindicatos vilagarciáns.
‘O Fugas’
Ao pouco de retornar do cónclave de Zaragoza, alzamento fascista. Organiza Durán a fuxida por mar de numerosas persoas en barcos cara a Francia ou cara aos portos que permaneceran leais á república, según Bouza Brey. Detido, xulgado e nun primeiro momento condenado a morte, ingresa en prisión, onde permanece até o 1943, ano no que sae en liberdade. Sen perder tempo volve A Coruña, onde se mergulla de inmediato na loita clandestina e na reorganización da CNT. Pasa ser o secretario xeral da Confederación rexional de Galiza (CRG) da CNT e é nomeado delegado do sindicato anarquista na ANFD (Alianza nacional de forzas democráticas).
En 1946 volve ser detido, desta volta na Gran Vía de Madrid. Durante o arresto é ferido nunha perna polos disparos da policía, polo que é ingresado nun hospital. Aproveita a ocasión para se fugar mais axiña volve ser detido delatado por un confidente, e encarcerado. Nese mesmo operativo policial caen os irmáns Saco e Ramón Piñeiro, membros do Partido Galeguista. O cárcere non puido reter o vilaxoanés moito tempo: en 1949 fúgase da prisión de Yeserías. Coa axuda das redes abertzales [trabara amizade con nacionalistas vascos na AFND] pasa nun pesqueiro de Euskadi a Francia.
En Francia non parou moito tempo. Colleu maleta e marchou para Australia, onde casou cunha cónsul francesa e mantivo contactos con exiliados galegos e españois. O seu periplo non remataba nas latitudes de Oceanía e a finais dos 50 García Durán xa andaba por Detroit (EUA), onde estudou biblioteconomía e colaborou con diversos medios de esquerdas. A súa seguinte parada foi en Uruguai, alí impartiu un curso de literatura e idioma galego na universidade, en 1964. Mais a finais desa década xa estaba de volta en EUA, desta vez en Houston (Texas).
Foi nomeado asesor histórico da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e foi bibliotecario en varias universidades texanas. Un recoñecemento que gañou grazas aos seus coñecementos, estudos e libros sobre a guerra civil. Traballos como ‘Por la libertad. Como se lucha en España’ (1956, traducida ao galego posteriormente como ‘Pola liberdade. A loita anti-franquista de Luis Costa e editada por A Nosa Terra). Os historiadores Dionisio Pereira e Eliseo Fernández destacan a “apaixonada defensa” que o vilaxoanés fixo nesta e noutras obras da “lingua e personalidade de Galiza”, algo que nunca veu contraditorio co seu anarquismo. Na loita clandestina contra o franquismo mantivo contacto e relación con nacionalistas galegos.
Doutorouse na Sorbona, París, en 1975 cunha tese sobre a intervención estranxeira na guerra civil española. Verdadeiro especialista no tema, deu conferencias en Estados Unidos, Canadá, Francia… Tocoulle a lotaría e destinou os cartos a crear un premio para promover obras que tratasen sobre ese conflito.
Cúmprense neste 2016 os 30 anos do seu pasamento en Alicante, a 1.072 quilómetros de Vilaxoán, vila orgullosa de si propia como só saben estalo as vilas mariñeiras.