Reconhecementos meritórios na Costa da Morte: Umhas limpam sem aguardar prémios entanto outro leva prémio por lixar o Mar

Na fim de semana passada tivem conhecemento de duas notícias relacionadas co Mar nesta singular paragem que abrangue nossa costa mais ocidental e acidentada; e se bem ambas nom me causaram estranheza algumha, as suas razons para saltar á imprensa som diametralmente divergentes e opostas, pois se bem umha fala da nova limpeza das nossas praias e costas por gente voluntária de Mar de Fábula (e vam…); a outra causou-me certo arrepio ao constatar, umha vez mais, que no estado espanhol seguem a premiar as pessoas que acederam a um posto de (i-)responsabilidade e cometeram desde lá as piores atrocidades possíveis, bem foram feitas a mão-tenta ou por pura inhorância tras receber um mal conselho ou mesmo por servilismo tras dar cumprimento a umha ordem contraproducente.
16174450_973926859374866_965135533336160261_nEste é o caso sacado á luz em vários falsimédios e que recolhe a genial vinheta de “O Carrabouxo” de Xosé Lois e segundo a qual quem, na altura do 13 de novembro de 2002, era diretor geral da Marina Mercante espanhola e dera a ordem de alonjar o petroleiro Prestige, José Luis López-Sors González, vai ser nomeado académico de número da “Real Academia del Mar” num ato que se vai celebrar em Madrid no vindouro 14 de fevereiro (os falsimédios nom aclaram se o ato vai ser no estanque do “Retiro” ou no embarcadoiro de cisnes do “Manzanares”). E para mais burla, o seu discurso de ingresso versará sobre os acidentes marítimos na Costa da Morte, e leva por título “La Costa de la Muerte. Siniestros marítimos e incidencia en las mejoras de la navegación”.

Em quanto a 2ª notícia que fazia referência, nada milhor que colar-vos o texto que publicou ontem domingo Álvaro Barros na rede social de Mar de Fábula e que cópio e colo (mantendo sua normativa); e dar-lhes todos meus parabéns pola sua magnífica laboura; algo que merece ser ejemplo para outras latitudes e que, em troques, nem buscam nem querem nenhum reconhecemento falsário nem prémio da catadura moral do assinalado a López-Sors:

OLYMPUS DIGITAL CAMERALIMPEZA NA PUNTA CAGHADA

Onte, sábado 21 de xaneiro, a asociación Mar de Fábula realizou unha xornada de limpeza no cóído da punta Caghada, no cabo Tosto, en Camariñas. Partindo do porto de Santa Mariña, e despois de máis de media hora de camiño complicado (motivo polo cal desta volta non participaron nenos), empregando un estreito carreiro que atravesa fermosas queiroeiras de Erica erigena (queiroga ben escasa no país!), orladas por grandes matas da prezada caramiña, 23 persoas chegamos a este espectacular recuncho no máis puro da Costa da Morte. O lugar é tan bravo, está tan inmerso no océano, que o coído desborda por el mesmo, sobe pola rocha nai e chega ao outro lado da punta, de tal xeito que a punta é un coído toda en sí mesma e non se sabe onde empeza e acaba este.

Neste lugar, de beleza incomparable, as correntes e, sobre todo, os ventos, acumulan unha extraordinaria cantidade de botellas de plástico. É curiosísimo como a mar fai esta selección de lixo, moito máis detallada da que facemos nós nas nosas casas, seguro!. E é que se é certo que tamén había porexpan e outros refugallos, como mínimo o 90% do que había eran precisamente botellas, moitas recén chegadas pero tamén moitísimas soterradas entre a vexetación desde hai anos.

Como eramos tantos e tiñamos moitas ganas de retirar esa inmundicia de aló, en pouco máis de dúas horas enchimos 58 sacos grandes. Xuntamos ademáis un bó número de grandes plásticos (tuberías, caixas de peixe, etc). En total, varios milleiros de pezas que nunca máis afearán e contaminarán o mar.
16266154_1830833450514232_5185012882125834449_n Por mor da dificultade do terreo, non puidemos levar de volta os sacos. Pero afortunadamente contamos co apoio dun mariñeiro local, Berto que, ademáis de colaborar na limpeza, vai ser o encargado (“por amor al arte”) de ir, cando o tempo o permita, cunha ghamela desde o porto de Santa Mariña até a punta, cargalos sacos e sacalos de aí para sempre. Por suposto, varios de nós estaremos aló para lle axudar e faremos a operación en canto veña un destes días de calma podre, precisos para navegar nese labirinto de pedras e agullas que é a costa de Camariñas.

No camiño de volta, cansos pero contentos, os 23 participantes portabamos un sorriso sinceiro, puro. A punta da Caghada quedaba limpa…por cánto tempo? Xa o veremos, pero polo menos por un tempiño brillará esplendorosa, como se merece.

Na última volta do camiño que permite ver a punta, botei un ollo á pedra da Caghada e alí ficaban 23 corvos mariños, aves que, coas súas defecacións, danlle este pouco glamuroso nome ao lugar. Alí ficaban, penso eu que alucinados logo de contemplar o que outros 23 seres humanos, tolos, pero tolos dunha maneira distinta ao resto, tiñan feito na súa casa.

Foi unha xornada épica, unha demostración de sensibilidade ambiental como poucas, un acto de ecoloxismo puro. Como di alguén que é para nós un referente, un acto de desagravio co mar. Un acto, en fin, nunha palabra, fermoso.
16174682_1830832457180998_6157228168807929158_n Gracias a todos. Por moitas veces.

Álvaro Barros

Anúncios

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair / Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair / Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair / Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair / Alterar )

Conectando a %s