[A Corunha] Crónica da concentraçom contra a invasom turca de Efrîn x C.R.

Colo acá (mantendo sua grafia) esta crónica assinada por C.R. e publicada no meu site amigo “A Irmandade da Costa” e mais o panfleto repartido durante o protesto (a foto que encabeça o artigo é de Galiza Contrainfo, o resto som de participantes no evento) :

Onte, 5 de marzo, un grupo de algo máis de medio cento de solidarixs concentrámonos ante as portas do que pensabamos que era o consulado turco da Coruña. Hai máis dun mes que o exercito turco, apoiado polos seus títeres islamitas do Exército Libre Sirio, invadiron o cantón curdo-sirio de Afrín. A súa intención é asfixiar a revolución social, de tintes feministas, asemblearios e eco-socialistas, que prospera desde hai anos na rexión. Os mass media occidentais prefiren mirar cara a outro lado (a pesar de que ata hai pouco enxalzaban a resistencia curda ante o ISIS), pois non queren molestar a Turquía, socia na OTAN e mesmo en negociacións para entrar na Unión Europea. É por iso que un grupo de persoas conscientes da coruña decidimos denunciar publicamente esta situación mediante unha mobilización coa que evidenciar unha inxustiza silenciada polo noso goberno e a súa prensa lacaia (curiosamente non houbo reseña algunha da manifestación nos medios locais, por que será?).

A concentración comezou pouco despois das 20 h, na praza de Ourense, desde onde nos trasladamos ata o número 6 da rúa Linares Rivas, fronte á entrada do porto, onde ata hai moi pouco atopábase o consulado turco (e onde tamén nos esperaban tres furgóns de antidisturbios que, puntuais e solidarios, non se perden ningunha das nosas convocatorias). Resultou que a sede do consulado trasladárona recentemente a outro lugar (sen que, polo visto, se molestaran moito en anunciar o cambio por internet), do que fomos informados por varixs veciñxs. A cousa non empezaba moi ben, pero como do que se trataba era de protestar, e como o común dos mortais tampouco é que teña moita idea de onde carallo se atopa o consulado turco, pois decidimos continuar alegremente co evento, que non por mal situado deixaba de denunciar a inxustiza. A ver se porque os turcos cambien ás agachadas as súas sedes diplomáticas imos desperdiciar unha boa protesta! Erache boa!

Así que durante algo máis de media hora, e tras dunha pancarta que dicía: “Solidariedade co pobo Kurdo. Turquía asasina”, coreamos consignas como: “Erdogán asasino”, “estado turco complice do ISIS”, “viva a loita do pobo curdo”, “fora turquía do curdistán” ou ” jin, jiyan, azadiye” (muller, vida, liberdade). Tras dun minuto de silencio por Samuel Prada León, galego morto recentemente nas filas das milicias curdas, así como polo resto de mártires da liberdade no noroeste de siria, rematamos o evento, ao que acudimos máis de cincuenta solidarixs de diversas tendencias políticas, incluído un significativo número de persoas de orixe curda.

Algunhxs solidarixs, polo visto, pintaran nas paredes da entrada ao porto, xusto diante do que fora o consulado turco, a bandeira de Rojava (curdistán sirio), as das YPG e as YPJ (as milicias curdo-sirias) e as frases “fora turquía do curdistán” e “Turquía asasina”, o que resultou unha feliz e agradable coincidencia coa nosa protesta 🙂

E colorín colorado, atentxs a novas convocatorias porque isto ainda non está rematado.

C.R.
—————————————–

Texto do panfleto repartido durante a protesta:

O pasado 10 de febreiro, Samuel Prada León, un mozo galego de 25 anos, caía morto combatendo xunto as milicias curdas contra a invasión turca do norte de Siria. Por primeira vez os medios de comunicación españois facíanse eco da inxustificable agresión aos dereitos humanos e aos tratados internacionais que o goberno de Ankara desatou contra o pobo do Curdistán; usando como xustificación a manida e omnipresente escusa da loita contra o terrorismo. O eufemístico nome de “operación póla de oliveira” esconde unha invasión do territorio soberano sirio, que pretende afogar en sangue e lume a revolución social que se desenvolve no noroeste desta rexión. Pois baixo o paradigma do “ Confederalismo Democrático” estase a implementar un novo modelo de xestión comunitaria participativa, inclusiva cos distintos grupos étnicos, de fortes conviccións ecoloxista e socialistas-asemblearias. Aínda que quizais unha das suas características máis rechamantes sexa a importantísima participación da muller, pois ademais de ter representación obrigatoria en todos os órganos directivos, conta cunhas milicias exclusivamente femininas (as YPJ).

A pesar de que as tropas curdas amosaron ser as máis eficaces combatentes contra o Estado Islámico (eloxiadas por occidente durante a resistencia de Kobane, o rescate das minorías yazidies, ou a ofensiva de Raqqa) o silencio dos medios de masas volveuse unánime. Pois neste caso non é o ISIS, se non Turquía, o segundo exército da OTAN, quen vulnera o dereito internacional para esmagar as ansias democráticas de todo un pobo. Informar sobre este novo conflito, dentro do xa vello conflito sirio, evidenciaría a falta de vontade dos nosos gobernos para enfrontar a deríva autoritaria de Erdogan, presidente islamita turco e socio preferente de occidente. Por iso os mass media prefiren agochar esta agresión inxustificable antes que poñer de manifesto a covarde impotencia europea.

O poder pretende invisibilizar esta inxustiza, mentres centran a súa atención nas accións non menos crueis do Estado Islámico; pois se a cidadanía ignora o conflito, o estado non ten por que tomar partido. Mentres as guerras que interesan ao capitalismo acaparan as portadas, as inxustizas que prefiren silenciar apenas saen nas máis recónditas páxinas dos xornais. Turquía é membro da OTAN, mesmo está en negociacións de adhesión á Unión Europea. Por tanto os nosos gobernos son cómplices das masacres perpetradas polos seus socios, realizadas con armamento europeo e bendicidas co noso silencio.

Só a mobilización das persoas conscientes, facendo público o conflito, poderá deter esta inxustiza. Cada día que pasa seguen morrendo inocentes e consolídanse os plans imperialistas dun estado autoritario e asasino. Non podemos seguir mirando cara outro lado. É hora de actuar.

Fóra as mans turcas do norte de Siria!

Solidariedade activa co pobo curdo!

Anúncios

Uma ideia sobre “[A Corunha] Crónica da concentraçom contra a invasom turca de Efrîn x C.R.

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair /  Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair /  Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair /  Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair /  Alterar )

w

Conectando a %s